Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Alertan do mal estado da ponte do Covelo e do deterioro da zona portuaria


Residentes e usuarios/as da zona do Covelo, en Samieira, alertan do mal estado da ponte do lugar e do descoido da zona portuaria. As queixas foron trasladadas, en máis dunha ocasión, ás autoridades municipais e ao ente autonómico Portos de Galicia.

A ponte, unha estrutura corroída

O lamentable estado de deterioro da ponte do Covelo preocupa a veciños/as e visitantes dende hai anos. Os efectos da corrosión, a responsable da maior cantidade de danos que sofren os seus materiais estruturais, poden apreciarse a simple vista. A severidade do desgaste, o paso dos anos e os escasos coidados, está a afectar de forma significativa á seguridade da construción.



Xuntas abertas no chan do recinto portuario

Amais da inquietude pola situación da ponte do Covelo, as queixas dos/as veciños/as e viandantes diríxense ao estado do pavimento do peirao e a rampla anexa. As gretas entre as pedras do firme, cada vez máis desgastadas, dificultan o camiñar e constitúen un perigo para os transeúntes ao aumentar o risco de caídas e lesións ao máis mínimo despiste.

En coñecemento das autoridades locais e de Portos de Galicia

A preocupación polo estado da ponte do Covelo e as queixas polas gretas do chan do recinto portuario foron trasladadas ás administracións competentes.

No caso da ponte, o enxeñeiro municipal elaborou un informe para determinar o estado da construción e o proceso máis adecuado para levar a cabo a reparación.

Portos de Galicia, pola súa banda, iniciou estes días diversos traballos de mellora na zona portuaria como o encintando do chan do peirao e o da rampla adxacente, así como o pintado das liñas de sinalización.



Máis información:

0 comentarios: