Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Localizado un niño de vespa velutina no Laño


A Xunta de Galicia e o Concello de Poio recibían onte, a primeira hora da mañá, a alerta dos veciños/as de Samieira pola presenza dun niño de vespa asiática (vespa velutina) na  zona do Laño. A colmea, de grandes dimensións, está colgada na arboreda do río Freiría, a varios metros de altura sobre o chan, e foi avistada por un persoa que camiñaba pola zona.

Con este achado son xa dous os casos de niños desta especie localizados en Poio. O primeiro foi detectado en Combarro e estaba construído, a diferencia do de Samieira, a ras do chan.

Intervención sobre o niño

A colonia de Samieira será retirada en breve, segundo informaron desde as administracións. Trátase dunha actuación necesaria, polo seu carácter de especie invasora, que terá que realizarse a últimas horas do día, momento no que as vespas están menos activas e é máis seguro proceder a súa eliminación. Para a intervención, nada sinxela, o persoal escargado terá que salvar a elevada altura para a inxección do químico insecticida que acabará con grande parte dos exemplares.

Niño de vespa velutina localizado no Laño, Samieira | Samieira Dixital

Ameaza para o ecosistema

A vespa velutina é unha praga proveniente de Francia que se detectou por primeira vez en España en 2010. En 6 anos logrou estenderse por Galicia, Navarra, País Vasco, Cataluña, Asturias e Cantabria, causando estragos na poboación de abella autóctona, o seu principal alimento. A especie sobrevoa as colmeas autóctonas e elimina os seus exemplares cando chegan cargados de pole e son máis vulnerables.

As femias fecundadas da vespa velutina (futuras raíñas) dispérsanse desde finais do mes de agosto até outubro. Nos meses máis fríos, estes exemplares hibernan e na primavera cada unha delas funda o seu propio niño. De cada niño poden saír entre 100 e 300 futuras raíñas que se expanen conquistando territorios a un ritmo de 50 quilómetros ao ano. 

O problema é moi grave pois a poboación de abellas autóctonas está a minguar o que se traduce tanto na baixada da produción de mel como na disfunción da importante tarefa de polinización que realizan estes insectos e que afecta ao 80% de froitas e verduras.

Como actuar no caso de atopar un niño de vespa asiática

A primeira recomendación é manterse a unha distancia prudencial para evitar que os insectos se sintan ameazados. A segunda, chamar ao teléfono 012. É o que centraliza as chamadas cidadás sobre avistamentos de niños de vespa velutina. Preguntarán unha serie de datos, como a forma e a localización do niño. É o que permite aos técnicos/as facer unha primeira discriminación para dilucidar se se trata dun niño de vespa asiática, que é preciso retirar, ou unha colmea doutra especie ou abellas autóctonas.

Desde o programa autonómico de vixilancia e control da vespa velutina, recomendan á cidadanía colaborar na detección de individuos ou colmeas. O servizo está operativo os 365 días do ano.


Máis información:

0 comentarios: